Tuesday 14 de May de 2024

O titular da Xunta entregou os premios da XVII Cata dos Queixos de Galicia e da XIII Cata dos Meles de Galicia


Feijóo refírese aos premiados das Catas de Galicia 2014 como a proba de que no rural galego hai oportunidades, “de que segue a ser un espazo xerador de riqueza e emprego”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse aos premiados das Catas de Galicia 2014 como a proba de que no rural galego hai oportunidades, “de que segue a ser un espazo xerador de riqueza e emprego”.

“Demóstrano os 59 queixos que participaron nesta cata: 24 de Queixo de Tetilla, 22 de Arzúa-Ulloa, 10 de San Simón da Costa e 3 de Cebreiro; catro denominacións de orixe galega que colocaron no mercado en 2013 case 5 millóns de quilos de queixo, o que supón aproximadamente o 25% da nosa produción, acadando un volume de facturación de 32 millóns. E demóstrano os 28 meles -10 deles monoflorais e 18 multiflorais-, cunha Indicación xeográfica protexida ‘Mel de Galicia’ que representa as dúas terceiras partes do total dos meles que se producen en España”, aseverou.

Durante a entrega dos premios da XVII Cata dos Queixos de Galicia e da XIII Cata dos Meles de Galicia, que este ano rexistraron un récord de participación, Feijóo afianzou o compromiso da Xunta na mellora da produtividade, competitividade e posta en valor dos produtos do sector. “Estamos comprometidos coa mellora da produtividade, coa transformación, coa comercialización e coa promoción dos produtos do sector agroalimentario”, incidiu.

O titular do Goberno Autonómico recalcou a excelencia e a calidade dos produtos galegos que “ofrecemos os visitantes”. Ao fío disto, subliñou que a enogastronomía é o segundo motivo polo que os viaxeiros escollen Galicia e apuntou que, segundo as enquisas, un de cada tres turistas aseguran que a gastronomía é o principal factor de atracción da nosa Comunidade.